Un dos aspectos máis importantes da nosa vida é a nosa indentidade. Este termo acostuma ir da man con ''cultura'', mais hai un pequeno matiz. Identidade é un concepto xeral no que se engloba a cultura e un poquiño de esencia individual que poñemos nós. Sen embargo, cultura é unha palabra bastante complexa, xa que alberga case todos os aspectos da nosa vida, situados en diferentes caixóns dentro deste moble ó que chamamos, como xa dixen, cultura. Cando lle botas ó moble [armario] unha capa de pintura, fáslle detalles persoais e póslle unhas fermosas teas de seda fina ou uns pomos metálicos, xa estás dentro do campo da identidade. Ás veces o armario conserva a súa forma, contén as mesmas prendas dentro...mais os pomos están gastados (moita xente entrou no armario e contaminouno, desgastouno), as chapas traseiras presentan quebrantamentos, a pintura é tan tenue que xa apenas se nota, a degradación é sutil e lenta.
É por iso polo que tentei reflexionar solucións ou lixeiras melloras no meu armario, no noso armario, no armario da Galiza. É por iso que, contra vento e marea, contra prexuízos e caras de sorpresa, contra curiosidades e mofas, a partir desta ''branca noite de inverno'' declárome, polo ben da miña terra, da miña identidade e da miña cultura, galegofalante.
Un día calquera rompen esas estruturas que nos tranquilizan dunha forma estúpida, noutrora fortes coma carballos, e endexamais voltaremos a velas. Non teremos sitio para gardar as nosas verbas, as nosas festas, os nosos costumes...
Todos deberiamos coidar un pouco máis os nosos armarios.